Aseguran que estes 15 meses de conflito demostran que "Israel non conseguirá ningún dos seus obxectivos"

Pontevedra
03 de xaneiro 2025

A Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina anuncia novas mobilizacións

Mobilización na Praza da Ferrería da Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina
Mobilización na Praza da Ferrería da Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina / Pontevedra Viva

A Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina realizou este venres na Praza da Ferrería de Pontevedra unha nova acción de protesta na que aproveitou para renovar o seu compromiso e anunciar novas mobilizacións para este 2025 para denunciar "a dramática realidade do pobo palestino ocupado" e o papel do Goberno galego, español e da Unión Europea "mentres ocorre un xenocidio".

Neste acto despregouse unha gran bandeira Palestina nas escaleiras da Igrexa conventual de San Francisco, deuse lectura a un manifesto por parte da representante de Galicia con Palestina, Anxela Gippini, e coreouse a lema "Galicia con Palestina. Do río ao mar, Palestina vencerá".

Nesta concentración de protesta sinalouse a "impunidade" do estado de Israel "capaz de cometer todos os crimes en nome do neocolonianismo e do imperialismo, fronte á vergoñosa inacción da comunidade internacional".

A Coordinadora Galega lembrou que máis de 45.000 persoas morreron na Franxa de Gaza desde que comezou o "xenocidio televisado", o 7 de outubro de 2023, "un balance terrible, máis tamén demostra que Israel non pode gañar" e tamén que "son 15 meses de digna resistencia das organizacións palestinas e da súa poboación, que se nega a desaparecer en silencio".

No manifesto aseguraron que "Israel non conseguirá ningún dos seus obxectivos, e moito menos o obxectivo real, acabar coa Palestina e co seu pobo" a pesar das "masacres diarias" contra a poboación civil e a destrución das infraestruturas vitais de Gaza.

Sinalaron tamén que "Israel necesita desesperadamente crear unha situación de guerra rexional e caos que lle permita continuar traspasando todos os límites".

A Coordinadora Galega destacou que tamén foron 15 meses de "mobilización permanente por todo o planeta", e en Galicia desenvolvéronse un milleiro de actos de protesta que demostran, segundo sinalaron, "que o pobo galego sempre soubo identificar aos agresores e aos agredidos e colocarse ao lado correcto da historia e ao lado da humanidade".

Tamén lamentaron que a Unión Europea estea "paralizada á espera das instrucións que cheguen dos Estados Unidos" e que o Goberno español continúe gabándose de recoñecer o Estado palestino "coma se fose un gran avance" pero "este recoñecemento non significou nin unha soa acción concreta para prestar apoio a Palestina, nin para romper lazos con Israel".

Pola contra, aseguran que o Executivo español "continúa a mentir descaradamente, preservando e aumentando os seus negocios xenocidas, mentres fai declaracións tan grandilocuentes como inocuas" e mantén os seus acordos comerciais militares con Israel.

Por último, dixeron que o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda "encérrase en San Caetano e manda á televisión e rádio públicas do país silenciar as mobilizacións" e repróchanlle que tampouco respondeu á solicitude de reunión que fixo esta Coordinadora galega de solidariedade con Palestina.