Este 22 de outubro, a Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra conmemora os seus 100 anos de historia cunha xornada de conferencias que terá lugar no Teatro Principal, a partir das 16:30 horas.
Un evento cargado de memoria, música e emoción, que tamén coincide co 75 aniversario do falecemento de Castelao, fundador e primeiro presidente desta histórica formación coral.
A xornada será presentada polo concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez Xunqueira, e estará coordinada por José Raposeiras Correa, doutor en Ciencias da Educación, cantor da Coral e profundo coñecedor da súa traxectoria.
O programa de intervencións inclúe nomes destacados do ámbito cultural e académico como Xosé Carlos Valle Pérez, presidente da Coral e exdirector do Museo de Pontevedra (1986-2018), que abrirá a tarde cunha mirada ao contexto histórico: "Pontevedra nos anos vinte e o pulo económico e cultural da cidade".
A continuación, Fernando Otero Urtaza, catedrático de Música de Secundaria e tamén membro da Coral, ofrecerá unha charla titulada "Apuntamentos para unha crónica de cen anos de música en Pontevedra".
Pechará esta primeira parte Luís Costa Vázquez, catedrático de Musicoloxía do Conservatorio Superior de Música de Vigo, cunha intervención sobre "Cen anos de coralismo popular en Galicia".
Tras unha pausa, a xornada continuará con novas voces e perspectivas como as que ofrecerá Ángeles Tilve Jar, actual directora do Museo de Pontevedra, que falará sobre "Castelao na Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra".
Pola súa banda, José Antonio Cantal Mariño, catedrático do Conservatorio Superior de Música de Vigo, centrará a súa exposición en "A vida e obra de Antonio Iglesias Vilarelle", quen foi director da Coral entre 1940 e 1964.
A parte musical virá da man do pianista Alejo Amoedo Portela, tamén catedrático do Conservatorio de Vigo, cunha interpretación de obras relacionadas co contexto histórico da Coral.
Como punto final, a Coral Polifónica de Pontevedra ofrecerá unha actuación especial, interpretando obras de distintos directores que marcaron a súa centenaria traxectoria.