Cores Tourís lamenta a falta de lealdade institucional da Deputación ao ameazar con deixar de desinfectar lugares públicos

Pontevedra
30 de abril 2020

A Deputación enviou unha carta á Xunta de Galicia onde anuncia que cesará neste labor de limpeza dos Puntos de Atención Continuada, realizado a través do Consrcio Provincial contra incendios, no momento en que cese o estado de alarma. O delegado territorial da Xunta pide implicación e coordinación de todas as administracións na loita contra a pandemia

José Manuel Cores Tourís, delegado territorial da Xunta de Galicia
José Manuel Cores Tourís, delegado territorial da Xunta de Galicia / PontevedraViva

José Manuel Cores Tourís, delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, critica a falta de lealdade institucional e cooperación por parte da  Deputación de Pontevedra. Esta reacción débese á carta que a Deputación de Pontevedra enviou á Xunta sinalando que deixará de desinfectar lugares públicos, a través do Consorcio provincial contra incendios.

No escrito, o goberno provincial sinala que se desinfectan neste momento os Puntos de Atención Continuada da provincia, a pedimento da Administración autonómica, debido ás competencias asumidas durante o estado de alarma pero, anuncian, esta actividade cesará no momento en que cese este estado de alarma.

Cores Tourís lembra ao goberno que lidera Carmela Silva que o Consorcio provincial contra incendios que realiza este labor depende ao 50% da entidade provincial e da Xunta de Galicia. E alerta da necesidade de que as administracións se coordinen para facer fronte á pandemia. 

Afirma que a Xunta mantén co resto de institucións provinciais unha relación fluída e produtiva. Lembra tamén que a administración autonómica na provincia de Pontevedra entregou preto de 420.000 unidades de protección; 249.000 luvas, case 161.000 máscaras e 5.400 traxes de protección. ademais de batas de protección, xel hidroalcohólico, pantallas ou botellas de desinfectante.