Correos emitirá en 2026 un selo conmemorativo con motivo do 150º aniversario do nacemento da escritora e precursora do feminismo María Vinyals, a 'Marquesa Vermella'.
O selo está xa incluído na programación de Correos para 2026, unha vez que a Comisión Filatélica do Estado vén de aprobar a solicitude.
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, confirmou este recoñecemento este venres á tenente de alcalde e concelleira de Turismo do Concello de Soutomaior, Silvia Cernadas, e ao presidente da asociación de veciños Santa María de Ponte Sampaio, José Luis López Carregal, impulsores desta iniciativa.
Ambos os dous solicitaron o pasado a axuda do subdelegado e, unha vez concedido o selo, Losada comunicoullo e agradeceu a colaboración do subdirector xeral de Réxime Postal, Rafael Crespo, e da secretaria da Comisión Filatélica do Estado, Nieves García, para autorizar esta proposta.
Para Abel Losada, foi “un honor axudar na medida das súas posibilidades” para unha iniciativa que nace da inquedanza e do activismo cultural de Silvia Cernadas e José Luis López Carregal, "dúas persoas comprometidas coa sociedade como no seu día estivo comprometida María Vinyals".
Cernadas e López Carregal reivindicaron a figura de María Vinyals como icona do feminismo, así como no progreso cultural e social de Galicia.
Este selo vén continuar a difusión da figura histórica de Vinyals, que xa comezou coa creación da Escola de Igualdade María Vinyals na Deputación de Pontevedra no ano 2016, aínda que o actual goberno provincial do PP non continuou coa súa actividade.
Silvia Cernadas é escritora e historiadora e tense convertido nunha das principais divulgadoras sobre a historia do castelo de Soutomaior, que foi o elemento central da súa tese doutoral. Foi así como se achegou a María Vinyals, que ten presencia destacada nun dos libros que ten publicado, As mulleres na historia de Galicia.
José Luis López Carregal é coleccionista filatélico e un estudoso da figura de Vinyals.