Corte de tráfico en Estribela polo avance das obras na PO-546

Pontevedra
28 de setembro 2023

O corte, que se fará desde as 22.30 horas deste venres 28 de setembro ata as 06,00 horas do sábado, permitirá realizar os traballos de colocación do voadizo necesarios para ampliar as beirarrúas

Inicio das obras na estrada vella de Marín
Inicio das obras na estrada vella de Marín / PontevedraViva

O avance nas obras de renovación e transformación da estrada PO-546 ao seu paso pola parroquia pontevedresa de Estribela ocasionará o corte de tráfico da vía durante a noite deste próximo venres 28 de setembro.

En concreto, segundo informa o goberno autonómico, o corte farase efectivo entre as 22.30 horas do venres e as 6.00 horas da madrugada do sábado, o que permitirá colocar o voadizo necesario para ampliar as beirarrúas.

Durante o tempo que se prolongue o corte o tráfico rodado será desviado cara á estrada PO-11.

Ademais desta intervención a Xunta avanza tamén que nas próximas semanas producirase unha nova afectación ao tráfico nesta vía, aínda que se permitirá o tránsito por un carril contando con regulación por semáforo.

Segundo sinala a administración autonómica, a previsión é poder finalizar as obras da primeira fase de mellora na PO-546 a finais do mes de outubro, sempre que se non se acumulen atrasos por culpa da climatoloxía.