Un grupo de traballadoras do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar cortou temporalmente o tráfico na céntrica cale Padre Amoedo ás nove da mañá deste xoves para dar visibilidade ao seu conflito laboral.
Este Consorcio xestiona as escolas infantís da Galiña Azul, residencias e centros de día. A reivindicación destes traballadores está centrada en que no proceso de consolidación que se está levando a cabo as prazas se valoren máis, igual que sucede nos concellos.
O persoal considera que a Xunta de Galicia está a aplicar, "un trato desigual e inxusto" ás traballadoras no proceso extraordinario de estabilización laboral, que puxo en marcha o Goberno central para poñer fin á temporalidade excesiva do persoal da administración, pero deixando a cada autonomía que o xestionase ao seu modo.
O colectivo afectado, composto por 1.200 traballadoras en toda Galicia, xa solicitou por varias vías manter un encontro co presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
O sindicato CNT é o convocante dunha folga que se repetirá os 15 primeiros días de cada mes de aquí a final de ano.