Cortes de tráfico en Sanxenxo con motivo da Volta a Galicia de ciclismo

Sanxenxo
18 de setembro 2018

O desenvolvemento da proba provocará restricións ao tráfico rodado o venres día 21, polo que entre as 7:00 e as 18:00 horas o tráfico estará cortado no Paseo de  Silgar, entre a rúa Luís Vidal Rocha e a rúa Vigo, ademais das vías que dan acceso ao paseo

Patrullas da Policía Local de Sanxenxo
Patrullas da Policía Local de Sanxenxo / Diego Torrado

A disputa en Sanxenxo o vindeiro venres día 21 de setembro da segunda etapa da Volta a Galicia de ciclismo levará restricións de tráfico e aparcadoiro no municipio ao longo de boa parte da xornada.

O inicio da etapa será ás 13:00 horas no Paseo de Silgar, e tanto na saída como na chegada percorrerá diversas rúas do municipio. Ademais en apenas 20 quilómetros o pelotón volverá pasar pola vila para disputar a primeira meta volante do día.

O trazado desta etapa, de 148 quilómetros, discorrerá por Sanxenxo, Cambados Vilagarcía, Catoira, Caldas de Reis, Barro, Leiro, Samieira e de novo Sanxenxo, debendo afrontar os ciclistas a ascensión aos altos de Carracedo, O Busto e A Escusa.

Por todo iso o plan de tráfico deseñado por Concello e Policía Local establece que entre as 7:00 e as 18:00 horas o tráfico estará cortado no Paseo de Silgar, entre a rúa Luís Vidal Rocha e a rúa Vigo, ademais das vías que dan acceso ao paseo, polo que o acceso a Portonovo será pola rúa Progreso.

Con motivo do final da etapa, entre as 16:00 horas e as 17:00 horas o tráfico permanecerá cortado na rúa Progreso, Avenida de Madrid, Paseo de Silgar, Avenida do Porto e todas as vías que dan acceso ao tramo restrinxido. 

Ademais, non poderá estacionarse ao longo da Avenida de Madrid e o Paseo de Silgar, desde as 00:00 ata as 18:00 horas do venres 21 de setembro.