Costas autoriza a segunda fase do estaleiro da Banda do Río

Bueu
02 de setembro 2021

As obras, valoradas en 112.138 euros, vanse levar a cabo con cargo ás subvencións do Plan Concellos 2020 da Deputación e consisten no remate da instalación e na súa musealización

Estaleiro de Purro na Banda do Río (Bueu) Concello de Bueu

O Concello de Bueu recibiu a comezos desta semana a autorización favorable do servizo de Costas do Estado que lle permitirá acometer as obras da segunda fase do estaleiro da Banda do Río, coñecido como "Purro". 

O alcalde de Bueu, Félix Juncal, recorda que "levamos uns meses xestionando o tema con Costas, porque cando iamos licitar esta obra soubemos que aínda non nos enviaran a autorización, a pesar de que a solicitaramos en diversas ocasións". 

Con este trámite xa resolto, o Concello poderá iniciar e aprobar proximamente o expediente de contratación da segunda fase que consiste no remate da instalación e na súa musealización, unha actuación cun orzamento de 112.138 euros, que complementará á rehabilitación que se rematou no 2018 e que permitiu que se iniciase a posta en valor unha das últimas carpinterías de ribeira da provincia.

Dende o Concello apuráronse estas semanas as xestións con Costas, dado que a obra vaise acometer no marco do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra, cuxo prazo de xustificación remata en novembro deste ano. Ante iso, o goberno mesmo barallara a opción de substituír este proxecto por outro para concorrer a esta subvención, pero finalmente vaise poder cumprir e o estaleiro da Banda do Río continuará o seu camiño.

O Concello de Bueu vai poder cumprir coa execución deste proxecto "de alto valor patrimonial", segundo salienta o rexedor.

Félix Juncal lembra que a rehabilitación do estaleiro da Banda do Río e a rexeneración da contorna de Ermelo forman parte da liña estratéxica na que o goberno local vén traballando dende hai uns anos. 

Estas actuacións súmanse á da construción da Sala Arqueolóxica de Pescadoira, un proxecto que se levará a cabo mediante un convenio entre a Xunta de Galicia e o Concello. Esta actuación de posta en valor do "Bueu romano" nace a raíz das continuas peticións realizadas dende hai varios anos polo Concello e que demostra a aposta do goberno municipal "pola protección, conservación e valorización do patrimonio cultural material e inmaterial".