Costas estudará dragar area da ría para rexenerar a praia de Carabuxeira

Sanxenxo
09 de xullo 2019

As administracións seguen analizando a fórmula máis adecuada para rexenerar a praia de Carabuxeira, en Sanxenxo. Para este traballo, unha reunión celebrada este martes achegou unha posible solución aos problemas de falta de area

Xuntanza en Sanxenxo pola praia da Carabuxeira
Xuntanza en Sanxenxo pola praia da Carabuxeira / Concello de Sanxenxo

As administracións seguen analizando a fórmula máis adecuada para rexenerar a praia de Carabuxeira, en Sanxenxo. Para este traballo, unha reunión celebrada este martes achegou unha posible solución aos problemas de falta de area.

Costas adquiriu o compromiso de estudar a opción de poder dragar a area que se atopa enfronte da praia e que, segundo os técnicos, procede da propia Carabuxeira.

Para iso, o Concello encargou á empresa Aquática Enxeñería un informe de compatibilidade de estratexias mariñas, para comprobar se a area que perdeu a praia atópase depositada enfronte da mesma e en que cantidade, valorando ao mesmo tempo se é viable a súa recuperación.

Se esta segunda opción fora viable pero se dera o caso de que a area dragada non fora suficiente, poderíase completar coa achega de area de canteira. Esta última é a primeira opción para rexenerar o areal. 

A este respecto, a Consellería de Medio Ambiente xa estudou o proxecto de rexeneración e mellora de Carabuxeira, que inclúe a achega de area, a construción de diques para evitar futuras perdas e a prolongación do paseo marítimo desde Panadeira.

A maiores, o goberno galego pide que se faga un estudo para saber canta area perderon as catro praias afectadas, Carabuxeira, Lavapanos, Panadeira e Os Barcos e así coñecer o volume de area que tamén necesitarán as tres últimas.