Costas responderá ás alegacións de Defensa da Ría sobre a contaminación ambiental de ENCE

Pontevedra
21 de xullo 2015

Membros da Xunta Directiva da Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) mantiveron este martes unha entrevista con Cristina Paz-Curbera, xefa do Servizo provincial de Costas do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente

A APDR reuniuse coa xefa provincial de Costas
A APDR reuniuse coa xefa provincial de Costas / Cristina Saiz

Membros da Xunta Directiva da Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) mantiveron este martes unha entrevista con Cristina Paz-Curbera, xefa do Servizo provincial de Costas do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.

A citada entrevista, solicitada dende a APDR, xirou arredor do tema da caducidade da concesión de ENCE no dominio público en Lourizán e sobre a posible concesión dunha prórroga da súa actividade na Ría mais alá do 2018, un tema no que a asociación interpuxo alegacións ao igual que fixeron outros colectivos e institucións.

Todas estas alegacións serán respondidas directamente na resolución que emita Costas respecto á caducidade, que será unha decisión recorrible.

En definitiva, o colectivo ecoloxista quería coñecer que percorrido ten o citado expediente e cuales son os pasos a dar de agora en diante por parte da administración central do Estado.

Segundo informou o presidente da APDR, a Antón Masa, a reunión desenvolveuse nun ton "cordial".

Dende a APDR informaron a responsable de Costas que "dende a súa chegada á Ría, a fábrica pasteira incumpriu as condicións fixadas no título concesional", de forma particular nos aspectos medio ambientais, un aspecto que incluíron nas súas alegacións nas que indican que os datos de DBO (demanda biolóxica de osíxeno), "en toda a historia de Ence" superaron os parámetros permitidos, "e iso é causa abondo de caducidade da concesión".

Segundo informou Antón Masa, a xefa provincial de Costas sinalou que se eses datos eran certos, "estaba de acordo coa APDR". Non obstante no informe-proposta de resolución, remitido dende o citado servizo pola propia Paz-Curbera no pasado mes de xuño, estes argumentos "foron ignorados".

Paz Curbera comprometeuse a falar cos responsables de Costas no Ministerio de Medio para que lle dean resposta a este aspecto tan concreto.