A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, aproveitou a súa estadía en Cotobade para reunirse co alcalde, Jorge Cubela, a quen lle comunicou que a Xunta ten previsto instalar nesta localidade un Centro de Recuperación de Fauna Silvestre, que se situará ao carón da piscifactoría, constituíndo así un complexo integrado.
A previsión é iniciar de xeito inmediato a tramitación para a elaboración do proxecto e continuar con todos os procedementos ao longo deste ano, co obxectivo de poder poñelo en marcha en 2017.
O novo centro estará orientado á recuperación de aves silvestres, pero tamén contará cos recursos necesarios para o tratamento doutras especies como réptiles ou mamíferos. Un dos seus principais obxectivos será recuperar animais feridos e enfermos, e posibilitar o incremento da súa reintrodución no medio natural.
Por último, na xuntanza Mato e Cubela tamén trataron distintos proxectos en materia de saneamento, que agora o departamento autonómico avaliará co obxectivo de mellorar as infraestruturas e servizos do municipio.
PISCIFACTORÍA DE CARBALLEDO
A piscifactoría de Carballedo, en Cotobade, soltou un total de 190.000 exemplares de salmón só en 2015, o que supón superar a media anual de 170.000 individuos ao ano que se viña rexistrando nas dúas últimas décadas.
Así o expuxo a conselleira durante a súa visita a esta piscifactoría, na que destacou que todo este proceso está a acadar “unha importante porcentaxe de éxito”, como demostra o feito de que un de cada sete salmóns que remontan os ríos Ulla, Lérez e Miño teñen a súa orixe neste centro.