Cotobade activa "a biblioteca máis grande do mundo"

Cerdedo Cotobade
04 de novembro 2016

O Concello pon en marcha estes días o proxecto 'As follas ao Aire', pola que se colocaron 10 puntos de lectura ao longo do municipio. Ademais celebrarase un roteiro para converter Cercededo-Cotobade nunha gran biblioteca ao aire libre

Iniciativa 'As Follas ao Aire' en Cotobade
Iniciativa 'As Follas ao Aire' en Cotobade / Concello de Cerdedo-Cotobade

A "biblioteca natural máis grande do mundo" xa está activa en Cerdedo-Cotobade.

O Concello colocou xa os dez puntos de lectura ao longo de todo o municipio que compoñen a iniciativa 'As Follas do Aire', promovida pola administración local en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Só falta que se pechen algúns aspectos técnicos no caso de Augasantas. Os puntos de lectura limítanse a Cotobade, ao ser un proxecto anterior á fusión, e son os seguintes: Fontiña Bieita de Borela (con libros de Nélida Piñón e Manuel María), Carballeira de San Xusto (Salustiano Portela e Fina Casalderrey), Cuspedriños (Xosé Neira Vilas e Gonzalo Moure), Arufe en Loureiro (Antonio Fraguas e libro infantil sobre o Samaín), Ponte romana de Almofrei (Teresa Moure e Suso de Toro), Miradoiro do Coirego en Corredoira (Xosé Fortes e Juan Farías), Capela de San Xosé en Augasantas (Darío Xohán Cabana e Anxo Moure), piscina fluvial de Carballedo (Rosalía de Castro e Ledicia Costas), Carballeira da Portela en Viascón (Castelao e Pepe Carreiro) e Dorna en Santa María de Sacos (Manuel Rivas e Pepe Carreiro).

Todos os puntos de lectura xa contan co seu respectivo banco e unha urna selada para gardar os libros sen que lles afecte a climatoloxía. Ademais o Concello imprimiu uns mapa-guías que detallas a localización dos puntos de lectura.

A apertura oficial de 'As Follas ao Aire' producirase este domingo cun roteiro que arrincará ás 11:00 desde o Concello e que contará coa presencua da escritoria Ledicia Costas e o ilustrador Víctor Rivas. O roteiro cultural , de dificultade baixa, percorrerá 2,5 quilómetros polos lugares da Chan, O Sabugueiro, Ermida de San Brais e Arufe.