Cotobade avanza para aprobar o Poligono Industrial de Salgueirós

Cerdedo Cotobade
05 de novembro 2014

O Concello de Cotobade conseguiu todos os informes favorables á tramitación, dende o Informe de Patrimonio á Memoria Ambiental. O goberno local convocará este mes a celebración dun Pleno Extraordinario no que se tratará a aprobación provisional do Polígono Industrial de Salgueirós, a falta da resolución do Consello da Xunta de Galicia

Jorge Cubela e Alfonso Rueda nunha visita institucional en Cotobade
Jorge Cubela e Alfonso Rueda nunha visita institucional en Cotobade /

As xestións para aprobar o polígono de Salgueirós deron os seus froitos, segundo o alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, e espérase que este mesmo mes se celebre un Pleno Extraordinario no que se aprobará provisionalmente esta instalación industrial á espera da resolución definitiva por parte da Xunta de Galicia.

Cubela afirmou que "despois de dous anos de duras xestións, dende que en 2012 se conseguiu por primeira vez aprobar a tramitación para que Cotobade poida dispoñer de solo urbanizable para uso industrial" engadindo que se aprobou por primeira vez a tramitación urbanística mediante unha modificación puntual das Normas Subsidiarias do Polígono Industrial de Salgueirós, nas parroquias de San Xurxo de Sacos e Viascón.

Dende o Concello indícase que se conseguiron todos os informes favorables a esta tramitación, dende o informe de Patrimonio á Memoria Ambiental. "Non vou mentir, as xestións máis difíciles están conseguidas" afirmou Cubela referíndose á aprobación da tramitación urbanística, "pero o máis importante aínda non está, que é conseguir a dispoñibilidade empresarial, pero vexo capacitado a Cotobade e en condicións óptimas de estar preparado para o futuro máis inmediato e de dar resposta aos pequenos empresarios de Cotobade que non saben onde poden facer unha nave", concluíu o alcalde.

Cubela entende que sería razoable construír un polígono industrial de 163.000 metros cadrados fronte a propostas dos gobernos anteriores en Cotobade que apostaban por un macropolígono de 900.000 metros cadrados.