Cotobade captou este ano inversións por máis de 1,8 millóns de euros

Cerdedo Cotobade
06 de decembro 2014

A mellora da rede viaria municipal concentrou outra parte destacada dos investimentos

O alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, reunido co presidente da Deputación, Rafael Louzán
O alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, reunido co presidente da Deputación, Rafael Louzán /

O Concello de Cotobade conseguiu neste ano inversións por máis de 1,8 millóns de euros. Tan só a Deputación de Pontevedra leva investido no que vai de ano preto de un millón de euros en obras de infraestrutura no municipio. Un notable ritmo inversor que para alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, é "froito do compromiso e do traballo de todo o goberno local" e, tamén, da "eficaz xestión municipal que se leva facendo estes anos", que "soubemos priorizar actuacións e buscar recursos para dar resposta ás necesidades dos veciños e veciñas".

Entre as actuacións máis destacadas figura a reforma do multiusos de Carballedo para destinalo a Centro de Saúde, a dotación de herba sintética ó campo de fútbol de As Estremas, e os labores de captación e abastecemento de auga en As Lagoas, na parroquia de Rebordelo.

MELLORA VIARIA

As obras de mellora da rede viaria municipal son outro dos eixes centrais da actuación impulsada polo concello e que contou co financiamento da Deputación, cun orzamento total que supera os 250.000 euros.

Así, entre os camiños nos que actuou no que vai de ano a Deputación figuran o de Xesteira, Calvelo, Lérez-Tenorio, Dorna e Camiño Novo, así como a Pista do Outeiro, en San Xurxo de Sacos, sufragado por fondos municipais. A eles hai que sumar os traballos de reposición do firme que se van levar a cabo na pista Paciños-Mataporcos, en Augasantas e outros xa realizados con medios propios do Parque de Maquinaria en pistas e espazos públicos do concello.

XUNTA DE GALICIA

As inversións da Xunta foron o poste de telecomunicacións na parroquia de Caroi, a mellora de camiños municipais, a substitución de lámpadas de mercurio por outras de tecnoloxía LED e a mellora do servicio de media tensión dos lugares de Pazos, Xesteira, Cachopeiras, Rascadería, Os Palleiros, Carballedo, e Viascón.