Cotobade pídelle a Fomento un aparcadoiro no enlace de Calvelo

Cerdedo Cotobade
23 de decembro 2016

O presidente de Cerdedo-Cotobade, xunto cos representantes veciñais e da comunidade de usuarios de augas, cursou estas solicitudes ante técnicos de Estradas

N-541 en Cotobade
N-541 en Cotobade

O presidente do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, mantivo este venres unha xuntanza cos representantes veciñais e da comunidade de usuarios de augas de Calvelo, con técnicos de Demarcación de Estradas e con responsables da empresa adxudicataria da mellora da N-541 para abordar diversas cuestións relativas á construción do enlace de Calvelo, que actualmente se atopa en obras.

Neste encontro, o rexedor local pediu ós representantes do Ministerio de Fomento a reposición de todos os servizos na zona cando conclúa a actuación viaria, e especialmente no que se refire as instalacións de auga, e a construción dun aparcadoiro.

Cubela, que atopou unha boa predisposición por parte dos técnicos de Estradas e da empresa pola necesidade das peticións realizadas, amosouse convencido de que as mesmas "serán asumidas e os servizos, sobre todo o de augas, quedarán en perfectas condicións para que poidan seguir sendo utilizados polos usuarios".

Asimesmo, incidíu na necesidade de construír unha zona de aparcadoiro, xa que na actualidade apenas hai espazo para a parada de vehículos malia tratarse dun lugar moi transitado e no que residen moitos cotobadeses. Paralelamente, preténdese crear unha parada de autobuses en condicións, que beneficiará tanto aos usuarios do transporte público como á propia seguridade vial da N-541, xa que deste xeito non haberá molestias para os condutores e o tráfico será máis fluído minimizando os riscos de siniestralidade.

Cubela considera que a construción do enlace de Calvelo é "moi necesaria", xa que a estrada nacional gañará en seguridade e ademais facilitará o acceso dos veciños ás vivendas sen ter que desprazarse ata Tenorio, pero tamén advertíu de que se deben respectar os dereitos dos afectados.

"Gústame o diálogo xa que creo que é a mellor vía para solucionar pequenos problemas e demandas e neste caso creo que acertamos pola boa predisposición de Fomento, pero en calquera caso eu sempre estarei atento a defender os intereses dos veciños", concluíu.