Cotobade presume dun superávit de 260.000 euros no primeiro trimestre do ano

Cerdedo Cotobade
01 de maio 2016

Un superávit de 260.580 euros. Así se recolle nun informe do servizo de Intervención do Concello de Cotobade con respecto ao estado das contas no primeiro trimestre de 2016, segundo desvelou o goberno municipal

Casa consistorial de Cerdedo-Cotobade
Casa consistorial de Cerdedo-Cotobade / Mónica Patxot

Un superávit de 260.580 euros. Así se recolle nun informe do servizo de Intervención do Concello de Cotobade con respecto ao estado das contas no primeiro trimestre de 2016, segundo desvelou o goberno municipal.

Deste xeito, o bo resultado das contas municipais no arranque de 2016 compensa na práctica totalidade o resultado orzamentario negativo de 309.000 euros co que se pechou a derradeira conta xeral e augura unha liquidación favorable "moi importante" para este ano, explicou o alcalde cotobadés, Jorge Cubela.

Ademais, revélase que o pago medio a provedores sitúase en 33 días e que, no horizonte do presente exercicio e do vindeiro, rebaixarase ata os 29 días. 

Este informe asegura, por outra banda, que o déficit de 2015 debeuse á asunción de obrigas e de pagos por parte doutras administracións, sobre todo da Deputación de Pontevedra. As desviacións de financiamento negativo cífranse neste informe en 516.000 euros. 

Cubela cre que, co resultado do primeiro trimestre de 2016 e o informe técnico, "queda perfectamente explicada a saneada situación das arcas municipais e que o déficit do ano pasado foi alleo á xestión municipal".

Ao respecto, explicou que Intervención, nas súas recomendacións para enxugar o déficit, non esixe nin subas fiscais nin accións de contención de gasto e lembra que o Concello nunca recorreu a operacións financieiras, "nin vai ter que facelo", para sufragar os servizos públicos. 

"Estes aspectos deixan ben ás claras que a propia Intervención sabe que, a medida que vaian chegando os cartos que nos corresponden doutras administracións, o déficit corrixirase practicamente só", apostilou o rexedor, que lembrou que a traxectoria do seu executivo, tras cinco anos dirixindo o Concello, revela que sempre saldou os balances con superávit e que conseguiu unha redución media do gasto corrente de 150.000 euros anuais.