Covsa construirá a senda entre Vilaseca e Lapamán

Marín
02 de decembro 2018

A Xunta vén de adxudicar á empresa construtora Covsa por máis de 575.000 euros as obras de construción da senda peonil entre Vilaseca e Lapamán, en Marín. O pago das actas de ocupación terá lugar neste mesmo mes de decembro

Ethel Vázquez cos veciños afectados polo proxecto da senda entre Vilaseca e Lapamán Mónica Patxot

A Xunta vén de adxudicar á empresa construtora Covsa por máis de 575.000 euros as obras de construción da senda peonil entre Vilaseca e Lapamán, en Marín.

O pago das actas de ocupación terá lugar neste mesmo mes de decembro, coa vista posta en iniciar as obras no primeiro mes do ano 2019.

Trátase dunha senda para o uso de peóns e ciclistas non deportivos na marxe dereita da estrada PO-551, entre o punto quilométrico 6+260 e o límite municipal co Concello de Bueu, na parroquia de Ardán.

O itinerario terá aproximadamente 1.450 metros de lonxitude e proxéctase en formigón coloreado cun ancho tipo de 2 metros, aínda que nalgún punto será lixeiramente menor pola presenza de edificacións próximas á calzada.

A estrada cruza un pequeno rego, polo que neste tramo proxéctase unha pasarela de madeira adosada ao pontón existente para garantir a continuidade do itinerario peonil.

Esta actuación, cofinanciada con axuda europea, está enmarcada no Plan de Sendas na comarca do Morrazo que prevé a construción de oito sendas sostibles, seguras e integradas na paisaxe.