Máis de 120 establecementos de turismo rural de toda Galicia uníronse para crear galiciaturismorural.es, unha plataforma conxunta de comercialización a través da cal os viaxeiros poden xestionar as súas propias reservas.
Esta plataforma, que foi creada coa colaboración da Xunta de Galicia e a Federación Galega de Turismo Rural (Fegatur), foi presentada este sábado na Estrada.
O vicepresidente do goberno galego, Alfonso Rueda, destacou a importancia desta ferramenta para "facilitar o contacto" dos turistas cos aloxamentos dunha forma "rápida e directa", o que axudará a aumentar a "competitividade" do sector.
Rueda celebrou que esta plataforma naza nesta época, xa que lembrou que o outono é unha "boa oportunidade" para dar "pulo" ao turismo rural en Galicia.
Este tipo de viaxes, defendeu o responsable de Turismo no goberno autonómico, teñen "valores propios" que se adaptan ao que buscan os turistas en plena pandemia, ao estar situados en espazos naturais e en lugares "pouco masificados".
A día de hoxe, a través desta plataforma xa se poden reservar máis de 120 establecementos rurais aínda que os seus responsables aseguraron que están "abertos" á adhesión de calquera dos preto de 540 aloxamentos deste tipo que hai en Galicia.
Esta plataforma de xestión do turismo rural galego, engadiu o vicepresidente da Xunta, contribúe a posicionar a Galicia como "destino seguro", como demostrou que o sector "resistise mellor" o verán que a media do resto do mercado nacional.