Crece o interese en Cerdedo-Cotobade por sumarse á extensión da fibra óptica

Cerdedo Cotobade
15 de xaneiro 2023

A extensión da rede da fibra óptica por Cerdedo-Cotobade, un compromiso adquirido pola compañía Movistar, está a espertar un gran interese entre a veciñanza. Máis de medio milleiro de persoas amosaron xa a súa disposición a contar con este servizo nos seus fogares

Asemblea veciñal pola instalación de fibra en Cerdedo-Cotobade
Asemblea veciñal pola instalación de fibra en Cerdedo-Cotobade / Concello de Cerdedo-Cotobade

A extensión da rede da fibra óptica por Cerdedo-Cotobade, un compromiso adquirido pola compañía Movistar, está a espertar un gran interese entre a veciñanza. Máis de medio milleiro de persoas amosaron xa a súa disposición a contar con este servizo nos seus fogares.

Así quedou de manifesto nas asembleas que, nos últimos días, se celebraron en Carballedo, Rebordelo, Tenorio, Vilanova, Viascón, Santa María e San Xurxo de Sacos.

As xuntanzas prolongaranse ao longo de todo o mes de xaneiro e chegarase a unha vintena de casas do pobo e locais sociais espallados por todo o termo municipal.

Co despregamento desta rede, o Concello agarda rematar cos problemas de illamento que teñen algunhas poboacións, correndo un alto risco de sufrir unha fenda tecnolóxica. 

"Queremos evitar a toda costa que no noso municipio se produza unha fenda tecnolóxica polo que estamos apostando pola extensión da internet de alta velocidade a todos os lugares posibles do noso concello", explicou o alcalde, Jorge Cubela.

Nestas asembleas, o goberno municipal busca que a xente poida preguntar, interesarse e resolver calquera dúbida sobre onde chegará o servizo e como teñen que dalo de alta.

Tamén se toma nota das posibles queixas e problemas detectados para poder estudiar coa empresa instaladora unha solución axeitada e satisfactoria.

"O que queremos é que no ámbito rural resulte igual de doado e sencillo poder teletraballar, acceder ás plataformas de entretemento ou a unha internet rápida, estable e de calidade", conclúe o alcalde.