O pleno do Concello de Poio rematou este martes de forma abrupta tras expulsar o alcalde, Ángel Moldes, ao portavoz do PSOE, Gregorio Agís.
Nese momento, a corporación debatía sobre unha última moción urxente relativa á titularidade da nave do club de piragüismo de Combarro e, curiosamente, Partido Popular, Partido Socialista e BNG ían votar o mesmo.
O portavoz local do PSOE, Gregorio Agís, quixo falar despois de facelo o alcalde, cuxa intervención adoita pechar os debates. Ángel Moldes non autorizou esa quenda de palabra do socialista e interpretou como unha "falta de respecto" a insistencia de Agís que se queixou pola repartición de quendas.
O alcalde pediulle que gardase silencio, deulle tres avisos seguidos e expulsouno.
A decisión adoptouse tan rápido que Gregorio Agís preguntoulle ao alcalde se "era broma", pero non o era e os socialistas abandonaron a sala entre protestas e, pouco despois, os concelleiros do BNG fixeron o mesmo en "solidariedade" cos seus compañeiros da oposición ao considerar "desproporcionada" a decisión do alcalde.
O pleno finalizou minutos despois xa que só faltaban os asuntos de Rogos e Preguntas, que normalmente adoitan realizar os partidos da oposición.
Para o PSOE o que ocorreu no pleno foi un "momento insólito" que mostra a "deriva autoritaria" do goberno municipal de Poio e do alcalde Ángel Moldes.
Aseguran que "non existe ningún motivo que xustifique unha expulsión" e agradecen a "solidariedade do grupo do BNG", ante a "desproporcionada actitude do alcalde" ao que acusan de querer "amordazar as verdades e amedrentar á oposición".
Finalmente, engaden o PSOE que "o alcalde transmite un nerviosismo e unha falta de capacidade para estar ao cargo dunha institución municipal".
RESPOSTA DO ALCALDE
Pola súa banda, o alcalde Ángel Moldes defendeu a sua flexibilidade cos tempos e as intervencións no Pleno "pero cousa diferente é querer saltarse as quendas, falar cando se lle antolle e faltar ao respecto interrompendo continuamente á presidencia do pleno", lamentou.
Moldes sinalou que esta actitude "burlesca e de facer o que quere e cando quere" se repite "de forma sistemática" en todos os plenos. Por iso, reclama ao grupo socialista, e en concreto ao seu voceiro, que "reconduza a súa actitude cara respecto no pleno".
NAVE DE PIRAGÜISMO
Sobre o asunto aprobado no Pleno, o Concello de Poio asume a concesión da nave de piragüismo de Combarro, un requisito legal imprescindible para investir na instalación.
O obxectivo é repoñer a cuberta e asegurar a conexión de saneamento á rede municipal para evitar posibles filtracións de auga, as dúas principais reclamacións do club.