Críticas do PSOE á nova imaxe da Deputación: "Parécese bastante ao do PP"

Pontevedra
03 de novembro 2023

O cambio de imaxe do logotipo da Deputación de Pontevedra non sentou ben ao grupo socialista. Denuncian que a imaxe corporativa ten "cuestionable valor estético" e foi anunciada "con moita máis relevancia que o avance do propio orzamento provincial para 2024"

Carlos López Font, portavoz do grupo provincial do PSOE
Carlos López Font, portavoz do grupo provincial do PSOE

O cambio de imaxe do logotipo da Deputación de Pontevedra non sentou ben ao grupo socialista, que admitiu amosar a súa "sorpresa polo boato con que o goberno provincial revestiu a presentación do novo logotipo".

Denuncian que a imaxe corporativa ten "cuestionable valor estético" e foi anunciada "con moita máis relevancia que o avance do propio orzamento provincial para 2024, que quedou reducido a catro pinceladas grosas".

Desde o PSdeG-PSOE lamentan que este diseño o adxudicaran a unha empresa externa "nun claro desprezo ao equipo de profesionais da casa do departamento de Comunicación". Un equipo humano, recuerdan, que foi o encargado de deseñar o logo e a imaxe utilizada nos últimos 8 anos, así como de todo o material gráfico empregado na comunicación institucional dos diferentes departamentos provinciais da Deputación.

A imaxe utilizada ten tres arcos simbolizando unha tripla ponte que une á cidadanía, municipios e outras administracións, tal e como explicou o presidente da Deputación, Luís López, este xoves na presentación.

Sen embargo, os socialistas, a través do voceiro provincial Carlos Font, afirmaron que ese logotipo "parécese bastante ao do PP", e critica a utilización do eslogan "Tendendo pontes" ao tratarse dun lema "que xa foi utilizado nunha campaña política doutro partido en 2016, así como tamén, é empregado na actualidade, por empresas, colectivos sociais e mesmo programas educativos da Consellería de Educación"

"A orixinalidade brilla pola súa ausencia", afirmou.

Por último, en canto á presentación do orzamento para 2024, o PSOE cre que "cómpre agardar á análise da documentación con vistas ao Pleno de aprobación inicial do próximo día 14. O presidente, Luís López, apenas dixo nada do orzamento porque está máis centrado no logotipo".

"A información que importa, a que estamos agardando", subliñou Font, "é a dos criterios de reparto dos plans +Provincia e de Infraestruturas Deportivas. Será entón cando saibamos se se manteñen as bases obxectivas na atención a tódolos concellos de menos de 50.000 habitantes.