O Partido Popular (PP) de Pontevedra, a través do seu portavoz Rafa Domínguez, expresou este mércores a súa indignación ante os continuos cortes de luz que afectan a diversas zonas da cidade, incluíndo a rúa García Camba, Monte Porreiro e o centro histórico.
O líder da oposición criticou duramente o goberno local pola falta de solucións a estes problemas e pola redución de partidas económicas clave nos orzamentos municipais para 2025.
A través das súas redes sociais e da canle de comunicación directa cos cidadáns, o PP recibiu numerosas queixas de veciños molestos polos apagóns nocturnos da iluminación pública.
Estes cortes de luz, que se suceden sen explicacións nin solucións por parte do Concello, segundo sinalan, afectaron especialmente na rúa García Camba, onde unha das súas beirarrúas quedou parcialmente ás escuras esta semana.
No barrio de Monte Porreiro e na Rúa Real, residentes e comerciantes levan semanas sufrindo cortes de luz recorrentes, denuncian.
"É inaceptable que os veciños teñan que soportar esta situación sen que o goberno local actúe de maneira definitiva", declarou Domínguez.
O PP argumenta que, nos orzamentos municipais para 2025, aprobados o luns co apoio do PSOE, o BNG reduciu a partida económica destinada á iluminación pública de 6.321.529,13 euros a 5.254.282,69 euros.
Esta diminución, segundo Domínguez, agrava os problemas existentes e demostra unha falta de prioridade cara ás necesidades básicas dos cidadáns.
"O alcalde non vai na dirección correcta cando recorta o investimento en iluminación pública urbano, seguridade e orde pública, ordenación do tráfico, instalacións deportivas ou medio ambiente natural. Estes recortes só empeoran os problemas frecuentes de Pontevedra", lamentou o representante popular.
Domínguez esixe explicacións ao rexedor nacionalista e unha solución "inmediata" aos cortes de luz .