Críticas socialistas á Deputación por esquecer o tramo Portas-Pontevedra da vía verde

Pontevedra
19 de novembro 2025

Iván Puentes insta ao goberno provincial a axilizar a execución do treito máis inmediato do proxecto, mentres denuncia a falta de compromiso con Pontevedra

Iván Puentes falando sobre a Vía Verde
Iván Puentes falando sobre a Vía Verde / PSOE Pontevedra

O grupo municipal do PSOE en Pontevedra lanza as súas críticas cara ao goberno da Deputación pola súa inacción respecto ao financiamento do tramo da Vía Verde das Rías Baixas que conecta Portas con Pontevedra.

O portavoz socialista, Iván Puentes, celebra que o presidente provincial, Luis López, teña previsto investir no tramo entre a cidade e Arcade, pero lamenta que o goberno do Partido Popular non dea ningún paso na conexión con Portas.

"É o máis rápido e sinxelo de executar ao non precisar apenas de trámites previos", apunta Puentes.

Tras o desbloqueo da vía verde entre Arcade e Pontevedra, froito das negociacións en Madrid entre a Deputación e responsables de Adif, Puentes considera a noticia "agridoce".

Destaca que, malia os avances para o treito con Arcade, o financiamento e execución do tramo Portas-Pontevedra continúan sen ser abordados pola institución provincial.

Neste sentido, o socialista sinala a "preocupación" do seu grupo polo feito de que a Deputación "ignore por completo" esta fase do proxecto.

Puentes subliña que a conexión entre Portas e Pontevedra conta desde hai tempo cun proxecto definido, promovido durante o seu mandato como concelleiro de Desenvolvemento Sostible e reiterado polos socialistas mediante iniciativas levadas ao Pleno.

Destaca, ademais, que este tramo podería executarse "de maneira inmediata, unha vez obtida a certificación de 'vía verde' por parte do ministerio.

O portavoz do PSOE considera "insólito e desacougante" que a Deputación, baixo a presidencia de Luis López e coa vicepresidencia de Rafa Domínguez, "omite precisamente a parte do itinerario na que pode actuar sen demora".

Tamén critica que, malia as reiteradas promesas en relación con Pontevedra, "á hora de xestionar e investir, a cidade quede de novo esquecida".

O proxecto da Vía Verde das Rías Baixas está concibido como un grande corredoiro peonil e ciclista, chamado a conectar Vilagarcía, Pontevedra e Arcade, e, nunha segunda fase, chegar ata Vigo, converténdose nunha das infraestruturas verdes máis importantes do norte peninsular.

Desde o PSOE agárdase unha rectificación inmediata da Deputación coa activación do tramo Portas-Pontevedra.