Cruz Vermella anima os pontevedreses a dedicar parte do seu tempo libre ao voluntariado

Pontevedra
01 de xuño 2016

Iníciase unha campaña de sensibilización para incorporar novos voluntarios. Principalmente anima ás persoas maiores de 55 anos que contan con moito tempo libre e unha gran experiencia vital

Campamento da Cruz Vermella Mónica Patxot

Cruz Vermella en Pontevedra comezou unha campaña de incorporación de novos voluntarios, baixo o lema "O voluntariado un boomerang de vida e volta: lánzate" co obxectivo de promocionar o voluntariado como unha vía de participación social de fácil acceso.

As accións da campaña deron comezo no mes de maio coa colocación dunha caseta informativa na Facultade de Ciencias Sociais e Comunicación do campus de Pontevedra e vanse a estender ao longo do mes de xuño coa realización de varias accións de divulgación.

Para comezar van repartir información sobre o voluntariado a través dunhas mesas colocadas na alameda de Marín na entrada do acceso ao mercadiño o xoves 2 de xuño de 11 a 13 horas e continuarán o venres 3 na Praza da Peregrina en Pontevedra de 12 a 14 horas. Ademais estase facendo chegar a información aos diferentes institutos e entidades da cidade, Biblioteca Municipal, FAMPA, Asociación de Amas de Casa de Pontevedra, colexios profesionais, entre outros.

Pretenden ampliar o número de persoas voluntarias maiores de 55 anos

Os destinatarios son aquelas persoas maiores de 16 anos, con inquedanzas sociais e que dispoñan de varias horas libres á semana. Ademais, non fai falta ter un perfil específico, xa que a institución facilita aos seus voluntarios a formación necesaria para o correcto desenvolvemento da súa actividade. Principalmente pretenden ampliar o número de persoas voluntarias maiores de 55 anos, que dispoñen de gran cantidade de tempo libre e ofrecen un bo nivel de responsabilidade e compromiso.

Actualmente a asemblea de Pontevedra conta coa colaboración dun equipo de voluntariado activo de máis de 500 persoas que cada día participan dunha forma solidaria e altruísta no desenvolvemento dos diferentes programas de acción que atenden a máis de 10.000 pontevedreses.