Cruz Vermella en Pontevedra organiza cursos de formación para a mocidade que queira incorporarse ao seu voluntariado

Pontevedra
11 de xaneiro 2023

O prazo para preinscribirse está aberto ata o 8 de febreiro para persoas que teñan entre 18 e 35 anos de idade coa intención de que realicen talleres de Educación para a saúde nos centros educativos da provincia

Persoal voluntario de Cruz Vermella
Persoal voluntario de Cruz Vermella

Cruz Vermella Xuventude en Pontevedra organiza actividades de formación destinadas a persoas entre 18 e 35 anos que queiran incorporarse ao equipo de voluntariado da organización non gobernamental, realizando talleres de educación para a saúde nos centros educativos da provincia.

Adquiriranse coñecementos destinados a trasladar á mocidade a adopción de hábitos e condutas saudables como parte do seu desenvolvemento integral, realizando talleres educativos e accións de sensibilidade

O prazo para preinscribirse permanecerá aberto ata o 8 de febreiro de 2023 e formalizarase coa entrevista de Acollida de Voluntariado, como mínimo de dous días antes do seu inicio. As persoas que queiran participar deberán ter dispoñibilidade horaria de mañá e realizar a preinscrición en liña antes de que finalice o prazo. Tamén se terá en conta que as persoas aspirantes superaran a ESO ou equivalente e conten con formación orientada ao ámbito social, educativo, pedagóxico ou sanitario.

A formación comezará o 9 de febreiro e constará de 20 horas prácticas, que serán impartidas na sede da Asemblea Comarcal de Cruz Vermella, situada en Padre Gaite de Pontevedra.

Entre outros temas, na formación ofreceranse coñecementos sobre o concepto de sexualidade, infeccións de transmisión sexual e métodos anticonceptivos; adiccións; nutrición ou hábitos de vida saudable.