Cruzamento de denuncias entre cazadores e activistas tras o campionato provincial de caza de raposo

Cerdedo Cotobade
13 de xaneiro 2019

Os colectivos animalistas participantes nas protestas denuncian unha agresión en Borela e ameazas, mentres que a Federación Galega de Caza reporta danos a vehículos e ataques con pementa aos cans dos cazadores

Protestas durante o Campionato Provincial de Caza de Raposo en Cerdedo-Cotobade
Protestas durante o Campionato Provincial de Caza de Raposo en Cerdedo-Cotobade / Asociación Libera!

A polémica celebración do XXVI Campionato Provincial de Raposo de Pontevedra nos montes de Cerdedo-Cotobade terminou cun cruzamento de denuncias entre os cazadores participantes e os activistas que tentaban obstaculizar o evento.

A intención dos colectivos animalistas participantes nas protestas era, a través de bucinas e pitidos, escorrentar aos animais para evitar que se producisen mortes de raposos, o que deu lugar a múltiples escenas de tensión cos participantes no campionato.

Por parte dos activistas "reportamos numerosas incidencias, incluído agresións e ameazas", asegura a asociación Libera!. Entre elas estaría a agresión dun cazador en Borela, que presuntamente lle deu unha puñada a uns manifestantes ameazándoos coa súa arma ao ser perseguido con equipos de son.

En canto aos cazadores, a Federación Galega asegura que se reportaron danos en vehículos e ata ataques con pementa cara aos cans de caza. Ademais denuncian insultos e que nos intentos de boicot algúns activistas introducíronse na zona de caza de forma temeraria. 

No Campionato Provincial de Caza de Raposo participaron un total de 26 equipos, finalizando a xornada cun rexistro de 13 animais abatidos.