Con motivo do Día Internacional do Voluntariado, que se celebrará este venres 5 de decembro, CEDDD-Galicia (Consello Español para a Defensa da Discapacidade, Dependencia e Personas Maiores de Galicia) lanza "¡Cuánto te quiero!", unha peza musical e videoclip que serve como declaración de gratitude cara ás persoas voluntarias.
Esta iniciativa busca recoñecer o labor das persoas voluntarias e visibilizar a importancia das súas accións na construción dun mundo máis solidario e equitativo.
O tema "¡Cuánto te quiero!", composto especificamente para a ocasión por David Álvarez e Pedro Luis Campos, foi gravado en Pontevedra.
Segundo os seus autores, é "máis que unha canción: é unha declaración de amor á vida, ás raíces e ao poder da arte como vehículo de transformación social".
O videoclip, tamén gravado en diferentes espazos de Pontevedra, xa está dispoñible nas redes sociais de CEDDD Galicia (Instagram, X, Facebook, TikTok e Youtube), e convídase á cidadanía a compartilo cos hashtags #cuantotequiero, #diainternacionaldelvoluntariado e #cedddgalicia.
Na produción do videoclip participaron activamente o Coro de Nenas e Nenos do Conservatorio de Pontevedra, dirixido por Nanette Sánchez Ordás, e o violinista Marcos Luis Valcárcel.
Os verdadeiros protagonistas son as voluntarias e voluntarios, xunto con membros de distintas asociacións de persoas con discapacidade sensorial, intelectual e funcional e ONG, que se sumaron con entusiasmo á gravación.
María Jesús Monterde, presidenta de CEDDD-Galicia, explica que con esta homenaxe "sincera e altruísta" preténdese recoñecer o traballo desinteresado de todas as persoas que colaboran coas entidades sen ánimo de lucro.
Monterde García fai fincapé en que é fundamental "visibilizar a importancia do seu labor nun mundo, cada vez máis individualista, menos colectivo", e engadiu que as persoas voluntarias "son a nosa forza".
Ademais, a presidenta de CEDDD-Galicia destaca o esforzo das xuntas directivas das asociacións que traballan con persoas con discapacidade, dependentes ou maiores, que realizan un traballo altruísta e que en ocasións non recibe o recoñecemento que merece.
Monterde confía na mocidade para seguir avanzando no camiño da solidariedade e a igualdade, concluíndo que "esta canción e o videoclip é a forma de darlles as grazas a todas e todos os voluntarios e dicirlles que os queremos".