A Asociación Cultural San Pedro de Bordóns cumpre un cuarto de século de actividade no municipio de Sanxenxo.
Con motivo deste aniversario, o presidente da entidade, Esteban Miniño, e o concelleiro de Cultura e Eventos, Xoán Manuel Pérez, presentaron este luns na Casa do Sear o calendario de actividades programadas para os meses de xuño, xullo e agosto.
O programa festivo comezará o domingo 28 de xuño na contorna da igrexa parroquial coa tradicional fogueira de San Pedro, que contará cunha sardiñada, churrascada e a música da batucada Queimacasas.
A seguinte cita terá lugar o sábado 11 de xullo ás 22:00 horas na Praza de Manuel Cortés, escenario da terceira edición da Festa Ye-Yé, onde se realizarán concursos musicais baseados nas décadas dos 60, 70 e 80, e disporase de postos de comida xestionados por establecementos locais.
Os actos centrais do aniversario concentraranse a partir do venres 31 de xullo con actuacións de música e baile tradicionais.
O sábado 1 de agosto, o festexo de San Roque estará encabezado pola actuación e o espectáculo da orquestra Cuarta Calle, mentres que o domingo 2 de agosto a festividade da Carmen contará coa intervención da orquestra Solara.
O calendario concluirá o sábado 22 de agosto coa décimo quinta edición da Festa Labrega na Praza de Manuel Cortés. Esta xornada incluirá unha ruta matinal, unha degustación de mexillóns e empanada, un torneo de bilarda e xogos populares.
A tarde estará amenizada polas agrupacións Os do Barro, Soalleira e Portonovo Canta, ademais dun concurso agrícola local. A programación pechará pola noite cunha churrascada e unha queimada.