Cuarta concentración de persoal para denunciar o desmantelamento paulatino do centro de menores Avelino Montero

Pontevedra
05 de xullo 2023

Denuncian que a Consellería de Política Social e Xuventude coa proposta de modificación da Relación de Postos de Traballo presentada despreza as razóns do persoal, colexios profesionais e datos da memoria anual da Fiscalía para manter o número de educadores no centro de atención a menores

Protesta laboral no Centro titelar Avelino Montero
Protesta laboral no Centro titelar Avelino Montero

Persoal do centro tutelar de menores Avelino Montero volvía concentrarse este martes ante a proposta de modificación da Relación de Postos de Traballo presentada pola Consellería de Política Social e Xuventude que, segundo alega, despreza as razóns expostas polos profesionais do centro da necesidade de manter a figura dos educadores. 

Os representantes sindicais sinalan que tamén os colexios profesionais e os datos da memoria anual da Fiscalía de Pontevedra, detallando o incremento de delitos entre menores, avalan esa petición de manter o persoal do centro cubríndose as baixas de educadores.

Os manifestantes consideran que a Xunta de Galicia quere crear equipos na Xefatura Territorial de Vigo desmantelando de maneira progresiva e paulatina o centro tutelar de Pontevedra, único da administración autonómica con xestión pública.

Lembran que a Consellería conta con orzamento e alternativas para ofrecer unha resposta ás necesidades de reforzo de persoal para crear equipos na Xefatura Territorial de Vigo sen que se deteriore o Avelino Montero. Temen, ademais, que tras esta operación se pretenda deixar a xestión do centro en mans dunha entidade privada.

Lamentan tamén que o goberno galego non teña en conta as alegacións formuladas para que se manteña o cadro de persoal para dar cobertura aos menores que se atopan baixo custodia xudicial.