Cubela confía en que o novo xeriátrico de Cerdedo estea en funcionamento a finais de 2020

Cerdedo Cotobade
17 de novembro 2018

Cubela revela que o prazo de execución fixa o remate para abril de 2020, polo que agarda que abra as súas portas na parte final dese ano

Comezan as obras da nova residencia da terceira idade de Cerdedo
Comezan as obras da nova residencia da terceira idade de Cerdedo

A empresa Ogmios Proyecto iniciou esta semana a obra física para a construción da nova residencia da terceira idade de Cerdedo coas tarefas de desmonte, movementos e excavacións de terra, despois de asinar a acta de replanteo hai tres semanas coa presenza do xerente do Consorcio de Igualdade, Perfecto Rodríguez, e de perfilar diversas cuestións técnicas e administrativas nestes últimos días.

O novo xeriátrico público, que contará con 48 prazas e disporá a posibilidade de que o Concello reserve prazas para a atención aos veciños que a poidan precisar, suporá un investimento integral de 1,7 millóns de euros, xa que a obra foi contratada por 1,45 millóns e os 250.000 euros restantes destinaranse ás direccións de obra, estudos, equipamentos e dotación de mobiliario.

O presidente municipal, Jorge Cubela, revelou que, dado que o prazo de execución de 18 meses fixa o fin da obra para abril de 2020, o goberno local agarda que o novo xeriátrico estea en funcionamento no segundo semestre dese ano.

VISITA Á OBRA DO LOCAL DE FILGUEIRA

Por outra banda, Cubela tamén acudiu, xunto ao concelleiro José Luis Crujeiras, a supervisar outra importante obra que se está acometendo, neste caso en Filgueira, e que consiste na reconversión dunha nobre casa de pedra no novo local social da aldea.

Os traballos están a avanzar paseniñamente co obxectivo de respectar ao máximo a beleza e o gran valor patrimonial do inmoble, pero confíase en que estean rematados no primeiro trimestre do ano.