Cubela e os veciños falan da marcha as obras da igrexa románica de Santa María de Sacos

Cerdedo Cotobade
02 de febreiro 2024

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, mantivo unha reunión con diferentes representantes veciñais para informar a veciñanza sobre as obras de restauración da igrexa de Santa María de Sacos que contan cun orzamento financiado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural de máis de 280.000 euros

Reunión do alcalde cos vecinos para falar da igrexa de Santa María de Sacos
Reunión do alcalde cos vecinos para falar da igrexa de Santa María de Sacos / Concello de Cerdedo-Cotobade

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, mantivo unha reunión con diferentes representantes veciñais así como co presidente da Comunidade de Montes, Pepe Puentes, para informar a veciñanza sobre as obras de restauración da igrexa de Santa María de Sacos que contan cun orzamento financiado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural de máis de 280.000 euros.

A este encontro asistiu tamén María García Couto, arquitecta externa da Xunta, quen insistiu na importancia dos traballos que se están acometendo para resolver os problemas de humidades que están a afectar á conservación das pinturas murais. 

Neste sentido, explicou que se eliminaron os elementos de cubrición así como a estrutura de madeira existente, cambiando vigas e soportes, ademais foi necesario acometer unha drenaxe perimetral.

As obras, que está a acometer a empresa Trycsa, permitirán resolver moitos dos problemas que estaba a padecer este inmoble. 

No transcurso da reunión, o alcalde de Cerdedo-Cotobade tamén anunciou aos veciños que xa conta cun proxecto aprobado para levantar o aglomerado que recubre a zona que se atopa diante da igrexa e que tamén alberga o palco "para converter todo este espazo nunha bonita praza que veña a poñer aínda máis en valor todo o conxunto arquitectónico".

Os veciños propuxeron varias actuacións como a limpeza do muro perimetral da igrexa cun cepillado manual e puxeron sobre a mesa a posibilidade de eliminar do palco, cuestión que quedou pendente de decidir en próximas reunións veciñais.