Cubela pedirá á Xunta que a mellora da PO-230 chegue ata Campo Lameiro

Cerdedo Cotobade
28 de decembro 2018

Xa están realizados todos os desmontes para poder ampliar a vía nos 1.780 metros incluídos nesta primeira fase dende a estrada N-541

Ampliación da calzada da estrada PO-230
Ampliación da calzada da estrada PO-230 / Concello de Cerdedo-Cotobade

O presidente municipal de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, amosou a súa satisfacción polos rápidos avances que está a experimentar a obra de mellora da seguridade viaria e ampliación de calzada da estrada PO-230, entre a N-541 en Vichocuntín e Serrapio, que está a ser impulsada pola Consellería de Infraestruturas cun investimento de 600.000 euros.

En menos de dous meses xa se realizaron todos os desmontes necesarios para gañar o espazo que permitirá ensanchar o vial, polo que, co comezo do ano, iniciarase a segunda parte da obra.

En calquera caso, o rexedor anunciou a súa intención de xestionar coa Xunta novas fases para a mellora deste vial autonómico que, segundo a súa opinión, deberían realizarse en primeiro lugar ata a aldea de Fentáns, no territorio de Cotobade, e finalmente ata Praderrei, no veciño municipio de Campo Lameiro, xa no marco dunha xestión conxunta co executivo dirixido polo alcalde Julio Sayáns.

Cubela amosouse convencido de que a Xunta "será sensible, coma sempre, sexa antes ou despois, ás nosas necesidades e, sobre todo, ás dos nosos veciños".

En canto ás obras que se están a executar na actualidade, preténdese incrementar a seguridade vial dun tramo de 1.780 metros de lonxitude caracterizado pola súa estreitez e sinuosidade.

Os traballos consistirán no ensanchamento e mellora da calzada ata os sete metros no canto dos cinco actuais, a rectificación de diversas curvas perigosas e pechadas do trazado, a drenaxe da plataforma, o revestimento das gabias, a construción de muros de contención para gañar en seguridade nas zonas con taludes pronunciados e a renovación da sinalización horizontal e vertical e do balizamento.