Máis dun millón de euros en contratación de obras con procedementos abertos. É a contía dos proxectos que, segundo destaca Jorge Cubela, impulsáronse este ano en Cerdedo-Cotobade mediante procesos de libre concorrencia.
Deste xeito, ata unha decena de investimentos foron de libre concorrencia para todas as firmas interesadas, o que impulsou unha elevada participación, con entre 10 e 30 propostas por obra e máis de 200 no total dos concursos.
Este feito, engade Cubela, beneficiou á administración local pola competitividade en prezos, prazos de execución e unha media dun 25% en melloras, aumentando a calidade das obras.
As obras licitadas deste xeito foron a pavimentación e mellora da seguridade viaria en Fentáns (110.189 euros), a mellora da seguridade viaria no acceso a Vila de Arriba (154.026 euros), a mellora de camiños en Famelga, Pazos, Valongo e Vilanova (110.010 euros) ou a pavimentación do colexio de Carballedo, Dorna e Baños de San Xusto (110.000 euros).
A elas súmanse o saneamento de Bouza, Cuiñas e Camiño Novo (70.000 euros), a adecuación da Praza do Concello de Cerdedo (182.603 euros), a urbanización de acceso norte de Tomonde (55.337 euros), o acondicionamento do campo da festa de Figueroa (143.000 euros), o subministro da sinalización de recursos turísticos (46.000 euros) ou o subministro de tractor e dúas rozadoras (108.900 euros).
O presidente municipal, Jorge Cubela, explicou que esta cifra de investimentos propios licitada con procedementos abertos “demostra, aparte do elevado ritmo inversor do noso concello, a nosa aposta pola honestidade, pola absoluta limpeza nos procesos de adxudicación e pola libre competencia entre as empresas”.
Ademais, Cubela destaca que esta política de aposta polos procedementos abertos levouse ao extremo, xa que houbo actuacións que non chegaban ás cifras límite de contratos menores e que se podían adxudicar por procedemento negociado, pero optouse por concursos abertos en aras da citada transparencia.
A este respecto, indicou que terían sacado a concurso aínda máis contratos pequenos “pero ás veces foi imposible por necesidades dos servizos ou dos veciños, cuestións técnicas, prazos de execución, situacións de emerxencia ou previsións climatolóxicas”.