Cubela presume dos "moi proveitosos" 100 primeiros días de goberno, nos que mobilizou máis de 1,2 millóns de euros

Cerdedo Cotobade
01 de outubro 2023

Entre outros, destacou os proxectos para a senda de Tenorio, o multiusos de Cerdedo, a mellora de camiños municipais en 8 parroquias, o albergue de peregrinos de Carballedo e a apertura do vial dende a Praza do Concello en Cerdedo. E presume de que axilizaron a redacción e publicación de ordenanzas reguladoras do uso das instalacións deportivas

Jorge Cubela e Luis López, no Pleno da Deputación de Pontevedra
Jorge Cubela e Luis López, no Pleno da Deputación de Pontevedra / Mónica Patxot

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, fixo este sábado unha valoración dos seus primeiros 100 días de goberno municipal e cualificounos de "moi proveitosos" desde o punto de vista da xestión de proxectos para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas do municipio.

Cubela cuantificou en máis de 1,2 millóns de euros as obras licitadas e as adxudicacións destes primeiros días de mandato. 

Entre outros, destaca os proxectos para a senda de Tenorio, o multiusos de Cerdedo, a mellora de camiños municipais en 8 parroquias, o albergue de peregrinos de Carballedo e a apertura do vial dende a Praza do Concello en Cerdedo. 

Ademais, sinala que o seu Goberno axilizou ao máximo a redacción e publicación de ordenanzas reguladoras do uso das instalacións deportivas e dotou ao Pleno da Corporación Municipal dun regulamento orgánico de funcionamento e participación dos grupos políticos. 

O alcalde tamén amosou a súa satisfacción por contar xa coa entrega por parte da empresa adxudicataria do proxecto de execución de obra e xestión da Residencia de Maiores e Centro de Día de Carballedo que comezará agora a construírse nos terreos previstos da Chan.

Neste balance non se esquece do papel da Deputación de Pontevedra, da que é deputado e sinala que a institución provincial sacará a licitación o tramo da estrada Bugarín-Fondós, "tan necesaria e reclamada pola veciñanza e polo propio alcalde durante anos".

No eido cultural, fai valoración moi positiva do programa 'Cerdedo-Cotobade en Sons', que permitiu achegar a mellor música galega do momento aos principais lugares do territorio, con concertos de Carlos Núñez, María do Ceo, De Vacas, Luar na Lubre ou A Roda.