Cubela quere crear unha gran zona de lecer na praia fluvial de Cerdedo

Cerdedo Cotobade
11 de xaneiro 2020

Esta proposta está situada na base do Monte Seixo, con servizos e espazos de deporte, medio ambiente, xogos, hábitos saudables, sendas e hostalaría, segundo apunta o goberno local de Cerdedo-Cotobade

Praia fluvial de Cerdedo
Praia fluvial de Cerdedo / Concello de Cerdedo-Cotobade

Sacar adiante un proxecto turístico e natural cun gran espazo de lecer ao aire libre é a proposta na que traballa o goberno local de Cerdedo-Cotobade para a praia fluvial de Cerdedo situada na base do Monte Seixo.

O primeiro paso para levar a cabo este proxecto contémplase con 17.000 euros dos orzamentos destinados a redactar durante 2020 un Plan Especial de Dotacións para a realización da obra. O trámite administrativo é, segundo o alcalde Jorge Cubela, similar ao realizado para construír a Residencia da Terceira idade de Carballedo.

A intención do goberno é mellorar os espazos actuais coa construción de diversas infraestruturas e servizos de lecer, integrados na contorna para respectar o seu valor ambiental, mantendo vinculación co deporte, o xogo e os hábitos saudables. A intención de Cubela é completar a proposta cunha senda que permita conectar toda a zona e con espazos para locais de hostalería.

O Plan Especial permitirá coñecer todas as posibilidades para levar a cabo esta iniciativa e ver as obras necesarias co seu correspondente orzamento, que se comezaría a xestionar entre as diferentes administracións para poder abordar os traballos, segundo apunta Cubela co obxectivo de conseguir "a mellor área de lecer fluvial da provincia".