O alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, recibiu con "satisfacción" o convenio de colaboración remitido pola Deputación de Pontevedra para a execución do proxecto "Ensanche e Mellora da EP-0405" a coñecida coma estrada de Almofrei.
A obra esta valorada en 946.599 euros, dos cales o Concello terá que asumir 283.979 euros. O convenio será asinado de inmediato e devolto o máis axiña posible para evitar novos retrasos na contratación e execución da obra.
Condicionado á sinatura deste convenio, a Deputación obriga ao Concello a solicitar e a asumir a transferencia de varios viais de titularidade provincial que pasarían a ser de competencia municipal.
A EP-0405 é unha estrada de dobre sentido de circulación e de sección variable situada na súa integridade no concello de Cerdedo-Cotobade. Ao longo da estrada atópase unha sección de plataforma moi irregular, sen beiravías o que da lugar a situacións de risco e inseguridade para os usuarios.
Con este convenio pretendese mellorar as condicións de seguridade e mobilidade para os peóns, mediante a construción dunha senda peonil de formigón coloreado de 2,50 m de ancho mínimo na marxe esquerda da estrada, e dúas zonas de convivencia de tráficos peonil e rodado.
Ademais, levarase a cabo muros para a ampliación da plataforma, a ampliación do marco sobre o rego das Longuiñas, a dotación de sinalización horizontal e vertical e a reposición de aqueles servicios afectados pola execución das obras.
"Síntome orgulloso como alcalde de que se tivera conseguido este investimento histórico que transformará en profundidade Almofrei e será un paso decisivo na mellora da seguridade vial na parroquia", indicou o alcalde de Cerdedo-Cotobade.