Cubela reclama a Movistar unha "solución inmediata" pola caída do servizo en Cerdedo

Cerdedo Cotobade
16 de marzo 2026

O rexedor explicou que este problema afecto principalmente á zona de Cerdedo, onde numerosos veciños están desde o venres sen telefonía nin internet

Unha persoa cun teléfono móbil na man
Unha persoa cun teléfono móbil na man / Xunta de Galicia

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, presentou unha reclamación formal ante a compañia Movistar pola caída do servizo de telecomunicacións.

Esta situación, explican desde o Concello, afecta principalmente á zona de Cerdedo que, desde o pasado venres, deixou sen telefonía nin internet a numerosos usuarios.

Cubela dirixiuse á veciñanza a través de redes sociais para deixar claro que a prestación e o mantemento destes servizos "é responsabilidade exclusiva da operadora, non unha competencia municipal".

Con todo, ante as numerosas queixas recibidas e os prexuízos causados a particulares, empresas e servizos esenciais, o Concello decidiu actuar e presentar un escrito de protesta e reclamación ante a compañía.

Cubela esixe "unha solución inmediata á incidencia" e a realización de "comprobacións e auditorías en todo o municipio", co obxectivo de evitar que estas avarías se repitan en diferentes puntos do territorio.

Desde a administración local reiteran o seu compromiso coa defensa dos intereses veciñais e aseguran que realizarán "as xestións necesarias" para restablecer a normalidade "canto antes".