Cubela xunta aos voceiros da oposición e amosa a súa preocupación pola situación da hostalería coas novas restricións

Cerdedo Cotobade
05 de novembro 2020

Os voceiros dos tres grupos políticos con representación en Cerdedo-Cotobade, PP, PSOE e BNG, mantiveron este xoves unha xuntanza telemática para analizar a nova situación do municipio a raíz das medidas de restriccións aprobadas pola Xunta de Galicia para o perímetro de Pontevedra 

Xunta de Voceiros de Cerdedo-Cotobade
Xunta de Voceiros de Cerdedo-Cotobade / Concello de Cerdedo-Cotobade

Os voceiros dos tres grupos políticos con representación en Cerdedo-Cotobade, PP, PSOE e BNG, mantiveron este xoves unha xuntanza telemática para analizar a nova situación do municipio a raíz das medidas de restricións aprobadas pola Xunta de Galicia para o perímetro de Pontevedra, Marín, Vilaboa, Soutomaior, Ponte Caldelas, Barro, Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro e Poio.

Á reunión asistiron o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela; e os representantes do PSdeG-PSOE, Lina Garrido, e do BNG, Ernesto Filgueira. Durante a mesma, o rexedor amosou a súa "particular preocupación" pola situación na que van quedar os establecementos hostaleiros do municipio, que se verán obrigados a pechar, producindo uns "efectos moi preocupantes" nas súas economías familiares.

Nesta liña, anunciou que estará moi atento ás medidas que se adopten desde a Xunta para protexer a este colectivo e ver como, desde o Concello, se pode botar unha man para corresponder solidariamente con estas persoas que ven como a súa economía familiar se vai ver afectada dun xeito moi especial.

Cubela explica que a xuntanza celébrase dentro da vontade do equipo de goberno de promover a unidade de acción e manter puntualmente informada á oposición de todas circunstancias que se producen referidas á evolución da covid-19 no municipio, así como pola necesidade de aunar todos os esforzos posibles para combater do mellor xeito posible os efectos da pandemia.

Neste senso, convidou aos representantes da oposición a seguir analizando conxuntamente a situación social derivada da covid-19 e unir esforzos para conseguir entre todos que se minimicen os efectos da pandemia entre a cidadanía de Cerdedo-Cotobade. Finalmente, comprometeuse a seguir pola senda do consenso e do diálogo coa oposición "ante un problema tan grave como o que nos afecta co fin de achegar as mellores solucións para a nosa veciñanza".