Cuíña pide a dimisión da portavoz do PP en Sanxenxo polas súas referencias ao franquismo nun Pleno

Sanxenxo
14 de xaneiro 2014

A concelleira, María Deza, incidiu en que coa forma de falar da oposición, no franquismo "estarían en el calabozo esperando la pena de muerte"

María Deza, concelleira do Partido Popular en Sanxenxo
María Deza, concelleira do Partido Popular en Sanxenxo / Diego Torrado

O coordinador territorial de Compromiso por Galicia en Pontevedra, Rafael Cuíña, vén de "condenar sen paliativos" as declaracións realizadas pola portavoz municipal do PP de Sanxenxo, María Deza, nas que segundo esta formación, chegou a dicir durante o transcurso do pleno extraordinario e dirixíndose á oposición, literalmente "antes, en época  de Franco,  por su manera de hablar ustedes estarían en el calabozo esperando la pena de muerte".

Nun comunicado remitido por Compromiso por Galicia, Cuíña insiste en cualificar de "aberrantes, antidemocráticas e delitivas" ditas declaracións, polo que non lle queda outra opción, segundo o líder galeguista, que "dimitir de inmediato", porque xustificar a violencia e represión franquista nunha corporación democrática, "non se pode consentir".

Rafael Cuíña lembra que esta non é a primeira declaración pública dun membro do Partido Popular neste sentido, e cre que a dirección dos populares, "non pode mirar para outro lado" e manter como afiliada a María Deza, xa que "nin axuda a dignificar as institucións, nin axuda á convivencia e ao respecto".