Culler de Pau legaliza o seu restaurante no Grove

O Salnés
13 de outubro 2014

Os propietarios do restaurante Culler de Pau comunicaron que "finalmente tras un arduo e longo proceso" de xestións administrativas conseguiron a oportuna licenza de legalización do establecemento

Restaurante Culler de pau
Restaurante Culler de pau

Os propietarios do Culler de Pau comunicaron que "finalmente tras un arduo e longo proceso" de xestións administrativas conseguiron a oportuna licenza de legalización do restaurante. Isto produciuse hai mes e medio " e en consecuencia imos proceder nun futuro próximo a acometer as obras necesarias".

O proceso non foi doado, como eles mesmos recoñecen. "Foi un grande esforzo", din, no que da man do concello tiveron que pedir permisos a diferentes institucións, presentar proxectos e realizar xestións para a consecución dos mesmos que levaron o seu tempo. "Finalmente conseguímolo como non podía ser doutra forma xa que nos axustamos á lei", destacan nun comunicado feito público a raiz do auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que di que o restaurante Culler de Pau debe pechar as súas portas se non obtén licenza.

"ÿ un proxecto de mellora que acometemos con ilusión e no que esperamos que o restaurante quede mellorado e o podais gozar cando nos visitedes", engaden. A reforma acometerase de xeito inmediato.

O Culler de Pau do xefe de cociña Javier Olleros pretende compatibilizar as obras co funcionamento do restaurante.