Cultura pide información sobre o Museo para "comezar a traballar" no seu traspaso

Pontevedra
09 de marzo 2019

Este debe ser, segundo o conselleiro Román Rodríguez, o "primeiro paso" para poder iniciar as negociacións entre ambas administracións e "comezar a traballar" nun posible traspaso da xestión do museo pontevedrés á Xunta

Entrada do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra
Entrada do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra / Mónica Patxot

A Xunta de Galicia recolle a luva lanzada pola presidenta da Deputación. Polo menos, no relativo ao Museo de Pontevedra. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, vén de remitir unha carta a Carmela Silva na que reclama diversa información sobre o organismo.

Este debe ser, segundo Rodríguez, o "primeiro paso" para poder iniciar as negociacións entre ambas administracións e "comezar a traballar" nun posible traspaso da xestión do museo pontevedrés á Xunta. 

Cultura, en concreto, solicita un informe que inclúa, entre outros aspectos, os custos laborais e de mantemento de dito museo, de xeito que sirva de base para ter coñecemento da situación e poder establecer a continuación un calendario de reunións bilaterais.

Na súa comunicación, Román Rodríguez reitera o seu compromiso de lograr unha "transferencia efectiva" do Museo de Pontevedra, que posibilite garantir tanto a súa continuidade como o seu nivel de excelencia, para que este museo continúe a ser un referente. 

A este respecto, o responsable de Cultura apela á necesidade de avanzar "neste obxectivo común", expresado por ambas partes, para o que considera apropiado programar con previsión unha axenda de traballo en base á documentación solicitada.