Un investimento de 34.500 euros, que Cuntis recibe do Plan Concellos da Deputación, permitiron acondicionar a Pista das Moreiras, o camiño de acceso que vai desde o polígono industrial da Ran ao núcleo rural de Guldrigáns.
A obra consistiu principalmente na pavimentación de firme e limpeza e arranxo de cunetas.
Esta era, segundo o Concello de Cuntis, unha obra moi necesaria e demandada polo estado de deterioro e conservación no que se atopaba o firme deste camiño, que requiría dun acondicionamento mediante o pavimentado que permitira poñelo en axeitadas condicións para facilitar o tránsito por parte dos veciños e dos usuarios do polígono.
Ademais, estes traballos incluíron a apertura e limpeza das cunetas para mellorar a evacuación das augas pluviais.