Cuntis acusa á Xunta de "falta de interese" por potenciar o polígono da Ran

Umia
08 de agosto 2017

Cuntis solicitara unha axuda de 150.000 euros para a pavimentación de beirarrúas e a mellora do viario de acceso ao polígono. Fíxoo ante a convocatoria das axudas para habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais galegos

Polígono industrial da Ran, Cuntis
Polígono industrial da Ran, Cuntis

Un ano máis a Consellería de Industria denegou a axuda solicitada polo Concello de Cuntis para a mellora do parque empresarial da Ran.

Cuntis solicitara unha axuda de 150.000 euros para a pavimentación de beirarrúas e a mellora do viario de acceso ao polígono. Fíxoo ante a convocatoria das axudas para habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais galegos.

Pero o goberno municipal lamenta que, por segundo ano, a Xunta "mire cara outro lado" na concesión de axudas ao seu polígono que, de novo, volve quedar en lista de agarda.

Esta decisión demostra, din desde o Concello, a "falta de interese" do goberno galego por este polígono porque "podemos entender que quedemos un ano en lista de agarda, pero o que non se entende é que a consellería conceda as axudas aos mesmos parques que no 2016".

Ademais, critican que os que quedaron fóra o pasado ano "non teñan ningunha prioridade" na convocatoria de 2017.

O grupo de goberno avanza que solicitará os criterios de valoración de ditas axudas, dado que a subvención que solicitaban é cualificada como "primordial" para o parque da Ran e as empresas alí instaladas.