Cuntis anima á veciñanza a participar na mesa da Asociación contra o Cancro

Umia
20 de agosto 2020

A Praza das Árbores de Cuntis acolle este venres 21 de agosto, entre as 10.30 e as 13.00 horas, un acto solidario da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) que, coa colaboración do Concello de Cuntis, celebra a súa tradicional cuestación para recadar fondos

Cuestación da Asociación contra o Cancro para financiar a investigación
Cuestación da Asociación contra o Cancro para financiar a investigación / Mónica Patxot

A Praza das Árbores de Cuntis acolle este venres 21 de agosto un acto solidario da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) que, coa colaboración do Concello de Cuntis, celebra a súa tradicional cuestación para recadar fondos.

A mesa petitoria estará instalada en horario de mañá, entre as 10.30 e as 13.00 horas, cun equipo de voluntariado que seguirá todas as medidas de seguridade e hixiene. A recadación obtida durante esta xornada será destinada á prevención e investigación do cancro, así como á atención integral e apoio a pacientes oncolóxicos e os seus familiares.

A AECC realizou desde xaneiro de 2019 ata o 15 de agosto de 2020 en Cuntis sete intervencións por parte dos profesionais da asociación (seis en atención psicolóxica e unha en atención social) e 48 intervencións por parte do equipo de voluntariado no Hospital Provincial, Hospital Meixoeiro e Hospital Álvaro Cunqueiro. A AECC ofrece apoio e acompañamento aos pacientes con cancro e os seus familiares, educa en saúde e en prevención e financia proxectos de investigación oncolóxica para conseguir que o cancro sexa unha enfermidade que se poida previr, curable ou cronificable. Todos os servizos que ofrece a asociación son totalmente gratuítos.

Segundo informan desde a Asociación, durante o estado de alarma os profesionais da AECC Pontevedra e a rede de voluntariado atenderon as demandas e necesidades da poboación con cancro no ámbito psicolóxico, social e logopédico a través dos servizos telemáticos e dixitais. Ademais, tamén prestaron apoio emocional a todas as familias afectadas pola Covid-19, a aquelas que perderon a un ser querido independentemente da causa do falecemento e aos profesionais de servizos esenciais, para paliar o malestar emocional xerado por esta situación. Só na provincia de Pontevedra, a AECC realizou 4.893 intervencións entre o 16 de marzo e o 29 de maio.

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, lembrou a colaboración regular do Concello coa AECC de Pontevedra na organización de campañas e animou a todos os cuntienses a apoiar de maneira solidaria a esta organización "que realiza unha labor tan importante tanto no eido científico como na atención e coidado a pacientes de cancro e ás súas familias". O rexedor sinalou que "a crise sanitaria da Covid-19 agravou en moitos casos a vulnerabilidade das persoas enfermas de cancro" e por iso, indicou, “apoiar esta causa é, se cabe, máis importante ca nunca”.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora