Cuntis, cada vez máis conectado: expande Internet de alta velocidade cunha rede neutra

Umia
29 de maio 2021

O despregamento executarase en varias fases ao longo dos próximos tres anos, nos que se contempla a acometida ás parroquias de Arcos, Cequeril, Couselo, Cuntis, Estacas, Piñeiro, Portela e Troáns. Manuel Campos informou de que as conexións serán de ata 600 megas, "unha velocidade moi competitiva que hai poucos anos era totalmente impensable en zonas do rural"

Vista do rural de Cuntis
Vista do rural de Cuntis / Concello de Cuntis

O Concello de Cuntis segue dando pasos adiante para a implantación da internet de alta velocidade no rural mediante o proxecto de despregue dunha rede neutra FTTH.

A empresa Rede Aberta solicitou autorización para o despregue por todo o termo municipal dun plan de despregado adaptado a Cuntis que complementará os proxectos para levar fibra óptica ás parroquias que xa están desenvolvendo as empresas Telefónica e Orange. 

Segundo a información facilitada polo alcalde de Cuntis, Manuel Campos, os traballos a realizar consisten no tendido dos diferentes tramos de rede necesaria para conectar os diferentes fogares e empresas do municipio de Cuntis.

O despregamento executarase en varias fases ao longo dos próximos tres anos, nos que se contempla a acometida ás parroquias de Arcos, Cequeril, Couselo, Cuntis, Estacas, Piñeiro, Portela e Troáns. 

Manuel Campos informou de que as conexións serán de ata 600 megas, "unha velocidade moi competitiva que hai poucos anos era totalmente impensable en zonas do rural", e destacou que con esta implantación Cuntis pasará a ser un dos concellos máis avanzado no ámbito das telecomunicacións no espazo rural.

Campos lembra que hoxe en día é imposible traballar sen internet de máxima calidade e Rede Aberta "permitirá dotar Cuntis de servizos tecnolóxicos de primeiro nivel iguais aos que se ofrecen en cidades e núcleos urbanos".

Rede Aberta é unha rede neutra aberta a todos os operadores de telecomunicacións á que poderán acceder os operadores locais e emprendedores. Isto supón un avance fundamental para chegar a unha solución coa que expandir o internet de máxima velocidade ao rural e dar así resposta a unha demanda da veciñanza ao arranxar os problema das deficientes conexións anteriores.