Nin piscinas municipais nin parques infantís durante todo o verán nos concellos de Cuntis, Caldas de Reis, Portas, Moraña e Barro.
Os alcaldes destes cinco municipios tomaron esta decisión de maneira conxunta como medida extraordinaria para garantir a seguridade dos seus veciños ante o coronavirus.
Así o confirmaron nun comunicado, no que xustifican a medida polos protocolos establecidos polas autoridades sanitarias para a apertura deste tipo de instalacións e que son, a día de hoxe, de difícil cumprimento facendo imposible que se reabran con todas as garantías de protección.
"Non se conta cos medios necesarios para garantir ao 100% o cumprimento das normas", explican no texto.
En relación ás piscinas, a normativa establece a obrigatoriedade de realizar labores continuos de limpeza e desinfección, distancia interpersoal de 2 metros, limitacións de aforo a un terzo ou tempo de permanencia limitado, entre outros asuntos, mentres que para os parques infantís obrígase á limpeza e desinfección diaria ou a limitar o aforo a un neno por cada 4 metros cadrados.
A súa aplicación, defenden, "impediríalles aos usuarios e usuarias gozar da tranquilidade e a diversión que se busca ao acudir a este tipo de instalacións".
"Os Concellos de Cuntis, Caldas de Reis, Portas, Moraña e Barro rogan desculpas polas molestias que esta decisión poida provocar e comunican que se aproveitará este tempo para realizar as melloras necesarias para que, cando a situación o permita, volvan abrir as piscinas con todas as garantías", conclúe o comunicado.