Cuntis, capital do lacón con grelos cunha festa de récord

Umia
06 de marzo 2017

Esperábase unha gran afluencia á Festa do Lacón con Grelos de Cuntis, pero a resposta superou todas as expectativas previstas. Unhas 2.000 persoas degustaron, segundo datos da organización, este saboroso prato na carpa habilitada

XX Festa do Lacón con Grelos de Cuntis
XX Festa do Lacón con Grelos de Cuntis / PontevedraViva

Esperábase unha gran afluencia á Festa do Lacón con Grelos de Cuntis, pero a resposta superou todas as expectativas previstas. Unhas 2.000 persoas degustaron, segundo datos da organización, este saboroso prato na carpa habilitada.

A elas hai que sumar a todos aqueles que optaron por gozar da festa nalgún dos restaurantes e bares do municipio, que tamén serviron lacón nesta xornada dominical e onde foi misión case imposible atopar sitio sen reserva previa.

Ademais da comida oficial, que se celebrou sobre as dúas da tarde, a Festa do Lacón incluíu numerosas actividades.

Tras o pregón da actriz pontevedresa Beatriz Campos, fóronse sucedendo as actuacións musicais -entre elas un concerto de Caxade-, unha nova edición do Vespalacón ou a Mostra de Entroido Tradicional.

Os asistentes á festa, entre eles a presidenta da Deputación, Carmela Silva, puideron tamén contemplar as mostras habilitadas, entre elas, as de camelias, bonsáis e apeiros de labranza; ou participar nas actividades infantís.

A xornada concluíu co tradicional velorio e enterro do Chapante.