Cuntis creará unha Aula Mentor para impartir formación telemática

Umia
15 de xaneiro 2022

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, defende a utilidade que terá este centro, xa que "é unha oportunidade para moitas persoas que doutro xeito non poderían asistir á formación presencial". A Aula Mentor ofrecerá un programa de formación online non regrada, flexible e con titorización personalizada

Curso de formación en Cuntis
Curso de formación en Cuntis / Concello de Cuntis

A través dunha subvención de 4.000 euros, concedida polo Ministerio de Educación, o Concello de Cuntis creará unha Aula Mentor destinada a impartir formación telemática.

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, defende a utilidade que terá este centro, xa que "é unha oportunidade para moitas persoas que doutro xeito non poderían asistir á formación presencial".

A Aula Mentor ofrecerá un programa de formación online non regrada, flexible e con titorización personalizada, destinada a maiores de 18 anos.

A través do seu extenso catálogo de cursos clasificados en áreas formativas, entre elas educación, idiomas, dixitalización ou emprendemento, ofrece a oportunidade de ampliar as competencias persoais e profesionais.

Os obxectivos da Aula Mentor céntranse en proporcionar unha alternativa en materia de formación á poboación adulta, cuxo ritmo de aprendizaxe ou dedicación require un sistema totalmente flexible non suxeito nin a horarios nin a prazos.

Os cursos realizaranse de forma online, tendo un tempo de duración flexible. Actualmente o prezo dos cursos é de 24 euros mensuais, sendo a matrícula inicial de dous meses.

Ao finalizar o curso realizarase un exame presencial que, unha vez superado, permite a obtención dun certificado de aproveitamento emitido polo Ministerio de Educación.

A Aula Mentor de Cuntis estará aberta 20 horas á semana, en horario de mañá e tarde. Haberá unha persoa coordinadora da mesma que dará apoio ao alumnado matriculado nos cursos.