Cuntis destinará 10.000 euros a familias sen recursos para adquirir comida ou medicamentos

Umia
27 de marzo 2020

O goberno municipal de Cuntis activou un programa de axudas municipais de emerxencia social dirixido a familias ou persoas con dificultades económicas ou en situacións de especial vulnerabilidade provocadas ou agravadas polo estado de alarma decretado polo coronavirus

Casa consistorial de Cuntis
Casa consistorial de Cuntis / Concello de Cuntis

O goberno municipal de Cuntis activou un programa de axudas municipais de emerxencia social dirixido a familias ou persoas con dificultades económicas ou en situacións de especial vulnerabilidade provocadas ou agravadas polo estado de alarma decretado polo coronavirus.

A estas axudas, que foron consensuadas por toda a corporación, o Concello vai a destinar 10.000 euros, cartos cos que estas familias poderán adquirir produtos de primeira necesidade, nomeadamente comida ou medicamentos.

"Estamos ante unha iniciativa moi importante e ambiciosa para un concello como o noso", sinalou o alcalde, Manuel Campos, que entende o escenario actual "preocúpanos moito" polo que considera que "é necesario actuar canto antes para prestar apoio ás familias que poida sufrir maiores cargas a causa desta crise sanitaria".

A axuda económica farase efectiva mediante a retirada de produtos básicos (alimentación, hixiene persoal, hixiene do fogar e farmacéuticos) dos distintos establecementos de alimentación, hixiene e farmacias ata o límite do importe establecido en función do número de persoas que integren a unidade familiar.

Establécense 100 euros para unha persoa e 150 persoas para dúas persoas, cun incremento adicional de 30 euros por persoa que integre a unidade de convivencia. No caso de prorrogarse a situación, poderá concederse un novo pago polo mesmo importe por cada extensión do estado de alarma.

As solicitudes formularanse a través dos correos electrónicos [email protected] ou [email protected].

O prazo para presentar solicitudes estará aberto mentres dure a situación de emerxencia. Para máis información, as persoas interesadas poden chamar aos teléfonos 986 18 54  68 ou 986 18 57 23, de 09.00 a 14.00 horas.