Cuntis énchese de maxia e tradición cun Nadal cheo de actividades para todos os públicos

Umia
11 de decembro 2024

Baixo o lema "Déixate prender pola maxia da nosa vila! Ilumina o teu Nadal" as principais actividades destas festas comezan este domingo 15 de decembro co Mercadiño Nadal Vintage na Praza de Abastos, que dará paso a un amplo programa de propostas para todas as idades

Visita dos Reis Magos a Cuntis
Visita dos Reis Magos a Cuntis / Concello de Cuntis

O Concello de Cuntis presenta unha ampla programación de Nadal baixo o lema "Déixate prender pola maxia da nosa vila! Ilumina o teu Nadal", que arranca este domingo 15 de decembro cun atractivo Mercadiño Nadal Vintage na Praza de Abastos.

A programación infantil terá un protagonismo especial. Os Paxes Reais visitarán o CPI Aurelio Marcelino Rey García o martes 17, mentres que Papá Noel recibirá aos nenos e nenas na Casa da Cultura Roberto Blanco Torres o día 24 de decembro.

Os veciños tamén poderán participar nun Gran Sorteo de Nadal o domingo 22 de decembro, unha iniciativa para dinamizar o comercio local durante estas festas.

Para entreter aos máis pequenos durante as vacacións escolares, o programa "Cuntilín" desenvolverase do 24 de decembro ao 4 de xaneiro, de luns a venres en horario de mañá

. Ademais, os cativos poderán gozar de dúas actuacións especiais: os Títeres Alakrán o 26 de decembro e o Mago Teto o 3 de xaneiro, ambas as dúas na Casa da Cultura.

O Festival Folclórico de Nadal, organizado pola Agrupación Municipal de Música e Baile Tradicional de Cuntis, terá lugar o sábado 21 no Pavillón Municipal.

Para os amantes das manualidades, Mari Digna Pardelas impartirá un obradoiro de Centros de Mesa de Nadal o 19 de decembro no Centro Patelas.

A programación inclúe eventos para toda a veciñanza, como a chocolatada de Nadal no Espazo CuntisXove o día 28, e a tradicional Comida de homes e Cea de mulleres ese mesmo día, para a que cómpre recoller os tickets con antelación.

O ano novo recibirase cunha gran festa na Carpa da Praza da Constitución tras as badaladas.

A programación rematará coa esperada Cabalgata de Reis o 5 de xaneiro, que percorrerá a vila antes dunha recepción real na mesma carpa da Praza da Constitución.

Durante estes días, Cuntis vai contar con propostas tradicionais, culturais e de lecer para todas as idades.

Nadal en Cuntis
Nadal en CuntisConcello de Cuntis

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora